O Xardín Celta é unha representación da cultura celta de Galicia que formou parte da exposición mundial de 2013 en Jinzhou, China.
No período final da prehistoria, Idade do Ferro, o noroeste da península Ibérica converteuse nunha poderosa rexión mineira chea de Castros, que foron os primeiros asentamentos rexistrados na comarca. O castro é un hábitat cun rico patrimonio artístico en canto á arquitectura. Cada castro está constituído por un conxunto de edificios, divisións e almacéns que forman núcleos dispersos, rodeados por un ou varios muros. Os muros de todos os edificios son de pedra e normalmente circulares. Pola súa necesidade de defensa, os castros estaban situados en lugares altos ou de difícil acceso, polo que, 2.500 anos despois da súa construción, seguen sendo unha marca fundamental na paisaxe galega así como noutras zonas de Europa onde este tipo de construción tamén era común como Gran Bretaña ou a Bretaña Francesa.
O Xardín Celta está inspirado nas formas dos castros. Xorde da superposición de diferentes elementos circulares de diversa dimensión e función. No centro da parcela propónse unha lámina circular de auga da que sae un cilindro de vidro que albergará un centro de interpretación. Ao arredor do lago créanse diferentes situacións mediante actuacións topográficas. Por unha banda, créanse volumes de herba que estruturan o espazo creando diferentes miradoiros, mentres que superficies circulares incrustadas no chan serven como zonas habitables máis íntimas, zonas secretas ou espazos para descubrir.
Con outra lóxica de círculos máis pequenos, introdúcense no xardín diferentes variedades de plantas tapizantes que aportan cores e texturas, pequenas zonas de herba para o goce dos visitantes e símbolos da cultura celta impresos en anacos de formigón pulido.
Todas as plantacións, tanto herbáceas como arbóreas, están dispostas ao longo do xardín nunha matriz de círculos de diferentes tamaños. A través do trazado das plantacións xéranse camiños, creando unha sensación de circulación que favorece o percorrido por todo o xardín.
Lóxica do xardín: O funcionamento do xardín pénsase basicamente en dúas áreas. Por unha banda, a gran riqueza de situacións espaciais cos montículos máis abertos ou expostos, zonas máis reservadas ou íntimas xunto coa plasticidade da lámina de auga e as masas de plantacións ricas en cores e texturas. Por outra banda, a simboloxía celta disposta por todo o xardín, tanto no pavimento como na fachada do pavillón, pretende espertar o interese dos visitantes por descubrir o xardín e coñecer a cultura castrexa, a súa relación coa natureza e o seu impacto na paisaxe.